viernes, 6 de marzo de 2009

O TEITO DE CRISTAL

Enténdese por teito de cristal o conxunto de normas non escritas ou cultura empresarial que dificulta ás mulleres acceder aos postos de alta dirección. Non existen leis, nin dispositivos sociais establecidos, nin códigos visibles que impoñan ás mulleres semellante limitación, este teito está construído sobre a base doutros trazos que son difíciles de detectar. Trazos que veñen tanto do propio ámbito empresarial como do familiar e educativo.

As estruturas xerárquicas das empresas réxense por regras masculinas e o prototipo tanto de empregado ideal coma de directivo segue a ser un varón. A muller vese obrigada a elixir entre a súa vida persoal e laboral, posto que a cultura empresarial predominante propugna que para chegar a ser alguén na empresa hai que facer unha cesión completa da vida persoal.

Pero non todo son obstáculos externos. Tamén hai obstáculos internos que impiden que a muller avance, como a inseguridade, o complexo de culpabilidade (pola renuncia á familia), a invisibilidade... A educación recibida inculca á muller o deber de non sobresaír, de non contradecir, de permanecer dentro dunha cultura sexista e androcéntrica, da que pouco a pouco, e con moito esforzo, parece que imos saindo.

Pero precisamos moito máis. Precisamos unha educación en igualdade, que defenda o valor de todas e cada unha das persoas en función dos seus méritos e da súa valía persoal, e non en función do seu sexo ou as súas cargas familiares. Porque non podemos esquecer que, independientemente de cómo o miremos, ás persoas son o máis importante do mundo.